viernes, 15 de abril de 2011

Escoitamos a Anxo Angueira

Nun acto, celebrado a comezos do pasado mes de abril, o escritor Anxo Angueira falounos acerca da figura de Rosalía de Castro. Recalcou a importancia desta autora, un símbolo representativo da nación galega e como unha figura clave do movemento cultural do Rexurdimento, un movemento de valorización e recuperación da lingua e cultura galega durante o s. XIX, fronte á asimilación castelá durante os Séculos Escuros.

Intentou aclarar e desbotar todos os tópicos e prexuízos existentes sobre Rosalía de Castro. Falounos da súa vida, por exemplo, da educación que recibiu a pesar da súa discriminada posición como muller, de como fora a estudar a Madrid desde moi xove de xeito independente, de que era unha persoa moi culta... Casou con Manuel Murguía, e ademais viviu nunha situación económica moi precaria porque tentou vivir só do que escribía.

Sobre as súas ideas, destaca o feito de que foi unha persoa moi revolucionaria en moitos sentidos, criticando a sociedade nos seus escritos. A parte da defensa de todo o galego fronte ós ataques casteláns, tamén foi defensora dos dereitos da muller, levou a cabo unha crítica ás desigualdades, as miserias do pobo, como a emigración, e tamén a institución da Igrexa Católica. Angueira exemplificounos todas estas ideas sociais en poemas da propia Rosalía, así como outros escritos.

Pero Rosalía tamén cultivou a “literatura, literatura”, sen ideas sociais, en poemas intensamente profundos, nos que se adentra no seu propio Eu, sobre todo en “Follas Novas”.

Como conclusión, atopei este acto moi interesante, xa que me permitiu profundar sobre a figura de Rosalía, e percatarme da súa gran importancia en moitos niveis, e tamén do gran legado cultural que deixou en todos os galegos. Así, laméntome de que non teñamos máis oportunidades para descubrir a literatura deste modo, xa que moitas veces a literatura énos ensinada dunha forma memorística, sen apenas descubrir os propios textos. Quizais por iso se pensa que a literatura é algo “inútil” e non é valorada.

(Brais Martínez Basalo, 1º BAC A)

No hay comentarios: