martes, 6 de marzo de 2012

ANXOS FEMININOS EN RIBADAVIA

Nos anos corenta, o diplomático Ángel Sanz Briz, coñecido como “o anxo de Budapest”, foi a salvación duns cinco mil xudeus. Pola mesma época as irmás Lola, Amparo e Julia Touza Domínguez eran, en Ribadavia, a cabeza visible dunha rede clandestina que ocultaba xudeus e facilitaba, a través da fronteira portuguesa, a súa marcha cara países onde quedarían a salvo das gadoupas do nazismo. Esta filantrópica labor acaba de saír do esquecemento grazas ás reportaxes xornalísticas (El Mundo, La Opinión, La Región) e do programa da TVG Reporteiros (do pasado 4 de febreiro, véxase o vídeo a partir do minuto 24).
Din que os anxos non teñen sexo, é mentira: os anxos de Ribadavia chamábanse Lola, Amparo e Julia e tiñan sexo feminino; elas, sen máquina de escribir, redactaron a súa particular lista de Schindler cos nomes dos xudeus perseguidos que, grazas á súa colaboración, renaceron en novos territorios de acollida. Para elas o noso recoñecemento e a nosa lembranza neste 8 de marzo, Día da Muller; porque elas, aínda que silenciadas pola historia dos grandes acontecementos e dos sonoros nomes, sempre ocuparán un sobranceiro lugar nos corazóns e nos pensamentos de cantos cremos na humanidade e na solidariedade; porque elas, xenerosas e boas mulleres, son escintilantes faros que alumean os camiños da xustiza e do amor aos semellantes nun mundo, moitas veces, demasiado pouco humano.


No hay comentarios: