martes, 23 de abril de 2013

23 de abril en Tui

Máis dun milleiro de escolares en representación dos centros educativos de Tui (CEIPs nº 1, 2, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe e Rebordáns, CRA “Mestra Clara Torres”, Seminario Menor, Colexio Santa María, IES “Pérez Tizón” e “San Paio”) participaron na IV edición do “Tui Le: os libros na praza” ao longo da primaveral mañá deste 23 de abril.
Poemas de Rosalía, textos de Vidal Bolaño, músicas de violín e teclado, contos clásicos adaptados, Kamishibais... e intercambio duns mil libros, que serviron tamén para formar no chan da praza a palabra “LENDO”, deron vida e rexuveneceron as pedras do Tui histórico e monumental.
 

Ao final non houbo participación directa dos escolares da outra beira do Miño que si remesaron un pequeno texto de Eugénio de Andrade referido a Rosalía:

Muitos sâo os caminhos que levam á poesía... Rosália chegou lá pela mâo de quem mal sabía ler e escrever; mâo de camponés, masa certa, sem dúvida; porque em matéria de amor e pobreza, de solidâo e morte, nâo sâo precisas muitas letras para se lhe conhecer o peso inteiro e o sabor”

Nun lateral da praza, colgadas dun biombo, estaban as ilustracións que os escolares fixeron das distintas estrofas do primeiro poema dos Cantares Gallegos.
En distintos momentos os medios de comunicación locais (Faro de Vigo, RMT) e a propia TVG nos programas Bos Días e A Revista fixeron conexións en directo pulsando opinións e recollendo o ambiente desta festa dos libros e da lectura á que desexamos MIL ABRILES MÁIS.


jueves, 18 de abril de 2013

Libros de película

O éxito da recente curtametraxe Os fantásticos libros voadores mostra a actualidade e vitalidade dun subxénero de debuxos animados que da vida aos libros.

Para festexar o Día do Libro presentamos cinco vídeos con “libros viventes” como destacados actores:
  • Have You Got Any Castles? (1938)
  • Ex libris (1983)
  • Dada (1994), unha curiosa historia na que a xente leva libros na cabeza como representación dos seus coñecementos.
  • Library (2008), do chinés Yu Ming, que suxire que o cerebro de cada persoa é unha biblioteca, e que cada libro garda no seu interior lembranzas da risa, da ira, da tristura ou da felicidade.
  • Mourir auprés de toi (Morrer ao teu lado, 2011) de Spike Jonze, na que se vive unha relación, de amor e paixón entre personaxes que saltan de entre as páxinas dos libros dun andel.

Como
observamos a relación do cine e dos libros é de ida e volta: se hai moitas obras literarias inspiradoras de películas tampouco faltan os libros como protagonistas de filmes: películas de libros e libros de película, en fin.

Feliz Día do Libro 2013!