miércoles, 29 de enero de 2014

XANO, A ÁRBORE DA VERGOÑA E O TENDAL DA PAZ

Os Romanos ergueron o templo de Xano como lugar para facer as súas pregarias en tempos de guerra; por iso, na longa historia da civilización romana, este templo só puido pechar as súas portas en catro ocasións: a primeira na época do monarca Numa Pompilio, a segunda baixo o consulado de Tito Manlio, a terceira no 29 a. C. sendo emperador Augusto, e a última no 70 p. C. baixo o goberno de Vespasiano. Sumando todos estes períodos quizais esteamos a falar dun ano de peche en total, unha insignificante area de paz no vasto deserto das guerras.

Hoxe, 30 de xaneiro de 2014, as portas do tempo de Xano seguen abertas. No noso mundo máis de trinta conflitos manteñen aceso o lume da discordia, algúns deles ocupan as portadas dos medios de comunicación, outros perderon actualidade e permanecen soterrados (mais vivos) baixo a lousa do esquecemento.

As follas vermellas da árbore da vergoña queren lembrar varios deses conflitos que, larvados ou non, seguen a encher a macabra estatística da maldade do ser humano.


 

 

E ao carón da árbore da vergoña construímos o tendal da paz do que penduraremos follas brancas, cal pombas, coas mensaxes do que podemos facer, dende as nosas circunstancias e limitacións, a prol da paz para mellorar a estatística das bondades do ser humano e pechar as portas do templo de Xano.

No hay comentarios: